Instaappointment Image

A instantánea, por Ledicia Costas

Home  /  Relatos premiados  /  2016  /  A instantánea, por Ledicia Costas

No campo de refuxiados de Idomeni, 14 000 persoas
loitan por sobrevivir no inferno

A INSTANTÁNEA
Na fronteira entre Grecia e Macedonia, nun lugar chamado Idomeni, unha nai ten ben agarrado o seu fillo. Colleuno por detrás e rodeouno cos seus brazos. Non quere mancalo, pero tampouco pode permitir que se mova.
Vai frío detrás do arame. É un frío interior e desproporcionado que conxela as arterias e os órganos. Só poden sentilo os que están dese lado.
—Que vas facer con iso? —pregúntalle o cativo ao seu pai, que o mira en fite sostendo unha coitela de afeitar.
O pequeno sábeo ben. Sabe que lle van rapar o pelo como fixeron con tantos outros nenos do campamento nos últimos días. Mais el non é coma os demais. El ten o pelo longo. Deixouno medrar á mantenta, para ver se así deixaban de chamarlle Orellas. Odia o seu alcume. Tamén odia as coitelas de afeitar, o arame de espiño e os piollos que saltan de cabeza en cabeza. O seu pelo é un escudo protector. Sen el estará perdido.
—É polo teu ben, fillo —bisba o seu pai con tristura, sentindo unha punzada de xeo entre as costelas.
Dito isto, colle aire e empeza a rasurar a cabeza do pequeno, que berra e chora mentres as súas guedellas rubias caen ao chan cunha delicadeza demoledora.
—Ódiovos! —grita furioso, desgarrando as cordas vocais.
Esa palabra corre por todo o campamento e queda flotando no aire de xeito incómodo. Alí todos saben que o odio é o alimento dos condenados a fracasar.
Ao outro lado do arame, un fotógrafo retrata a escena. Mágoa que as palabras non aparezan nas fotografías, pensa con amargura. A súa instantánea sairá publicada nun xornal e percorrerá o mundo saltando de televisión en televisión. Orellas nunca chegará a sabelo. Moito mellor así. Non o aturaría.
Non, sen o seu pelo.
Ledicia Costas